José Antonio González Nóvoa
Sessions
Este taller práctico combina a clásica install party de software libre cunha introdución ao mantemento físico básico de equipos informáticos. Durante a sesión, os participantes aprenderán a instalar sistemas operativos libres nos seus dispositivos, ao tempo que descubrirán como realizar melloras e coidados para prolongar a súa vida útil.
Os temas que se tratarán inclúen:
- Substitución de discos duros por SSD para mellorar o rendemento.
- Limpeza física do equipo para evitar sobrequecemento e outros problemas.
- Boas prácticas para coidar as baterías en dispositivos portátiles.
Se tes un equipo que precisa dunha actualización ou simplemente queres aprender técnicas esenciais de mantemento, este taller é para ti. Tráeo contigo e dá o primeiro paso cara a unha tecnoloxía máis sustentable!
Neste debate aberto exploraremos o papel das tecnoloxías no avance cara a un futuro máis sustentable, ético e comprometido co ben común. Analizaremos temas fundamentais como:
- O deseño ético e responsable de dispositivos e software.
- A importancia do dereito á reparación e a prolongación da vida útil dos equipos.
- A reutilización de hardware e software como ferramenta para reducir o impacto ambiental.
- Modelos tecnolóxicos que prioricen os valores humanos e sociais por riba do lucro económico.
Os participantes, procedentes de diversos ámbitos como o activismo tecnolóxico, o deseño, o software libre e a economía circular, achegarán as súas visións e experiencias. O público terá a oportunidade de intervir, compartindo ideas e preguntas, nunha conversa que busca inspiracións prácticas para o cambio.