AtlanticaConf 2025

Install Party e mantemento básico de equipos informáticos: dálles unha nova vida aos teus dispositivos
2025-06-13 , Talleres
Language: Galician

Este taller práctico combina a clásica install party de software libre cunha introdución ao mantemento físico básico de equipos informáticos. Durante a sesión, os participantes aprenderán a instalar sistemas operativos libres nos seus dispositivos, ao tempo que descubrirán como realizar melloras e coidados para prolongar a súa vida útil.

Os temas que se tratarán inclúen:
- Substitución de discos duros por SSD para mellorar o rendemento.
- Limpeza física do equipo para evitar sobrequecemento e outros problemas.
- Boas prácticas para coidar as baterías en dispositivos portátiles.

Se tes un equipo que precisa dunha actualización ou simplemente queres aprender técnicas esenciais de mantemento, este taller é para ti. Tráeo contigo e dá o primeiro paso cara a unha tecnoloxía máis sustentable!

En 2020, cando a pandemia da COVID19 deixou ao aire máis que nunca as costuras da nosa sociedade, e seguindo o exemplo doutros grupos de apoio que xurdiron en distintos lugares, dende ESF decidiurse impulsar a creación dun Grupo de Apoio Mútuo Dixital. Aí empezou a colaborar xente de ESF e tamén doutros movementos como BricoLabs, así como persoas individuais que se foron unindo a aportar e a aprender. Inicialmente a idea era dar apoio a quen tiña por casa ordenadores vellos, pero aínda utilizables se se empregaba un sistema operativo lixeiro (por suposto, baeado en software libre), para que puideran darlle nova vida. Tratábase de que polo menos se puideran usar por parte de nenxs e adolescentes para non perder o ritmo das súas clases ou actividades académicas en liña.

Pero o feito de non poder facer quedadas presenciais polas medidas antiCOVID, fixo que as persoas menos experimentadas no cacharreo e no software libre non acabaran de engancharse, así que decidiuse reenfocar o grupo. Co Banco de Reciclaxe Municipal de Teo (inaugurado en 2017) como referencia, impulsouse un banco en A Coruña, grazas á cesión do espazo por parte da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, no local que Enxeñería Sen Fronteiras ten nesa escola (ao que en 2022 uniuse outro espazo na Facultade de Informática). Case simultaneamente co da Coruña, impulsouse outro en Vigo nun espazo que a Asociación IEEE logrou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O Banco da Coruña está a colaborar coa ONG Ecos do Sur e outras organizacións da zona, para darlles saída ás equipas preparadas. O Banco de Vigo fai o propio con ONG e organizacións da área de Vigo.

Ademais, a principios de 2022 coñecemos á organización Informática Solidaria, que leva xa tempo traballando niso de dar nova vida a ordenadores e canalizalos a través de organizacións. Formada exclusivamente por persoas voluntarias e, de momento, sen apoio institucional de ningún tipo (nin sequera contan actualmente cun local, todo en casas particulares), xa levan máis de 200 equipos repartidos. Temos a honra de incluíla tamén na rede. Tamén en 2022 tivemos a boa nova da creación do Banco de Reciclaxe Municipal e Oficina de Software Libre de Ames, grazas ao empeño de persoas de AGASOL, o Banco de Teo e Enxeñería Sen Fronteiras. Un banco máis para a rede!

En 2024 empezou a dar os seus primeiros pasos o Banco de Reciclaxe de Ferrol, impulsado dende a propia Universidade da Coruña e Enxeñería Sen Fronteiras.

Tratamos de ir máis alá da reparación dos equipos, impartindo formacións ás persoas usuarias e talleres de reparación abertos ao público xeral (máis coñecidos como Repair Cafés). Tamen damos charlas en institutos, chamando a atención sobre a procedencia dos materiais empregados na fabricación e o que ocorre coa súa eliminación. Todos os bancos están xestionados por persoas voluntarias (unhas 25 en toda Galicia).

OBXECTIVOS

Con esta iniciativa queremos:

promover o software libre e a soberanía dixital
reutilizar equipos electrónicos para aumentar a súa vida útil, diminuír os residuos e a extracción de materiais, e promover a electrónica ética
contribuír á redución da fenda dixital e da desigualdade educativa que a non presencialidade estivo a provocar (e en xeral calquer tipo de fenda dixital, que atenta contra o dereito á información)
This speaker also appears in: