2025-06-13 –, Track OpositaTest
Language: Galician
Na nosa charla, exploraremos como a innovación tecnolóxica, a arte e a creatividade son ferramentas clave para combater a despoboación rural en Galicia. Centrarémonos no caso de Anceu, unha aldea de 97 habitantes en Ponte Caldelas, onde Rural Hackers https://ruralhackers.com/ estableceu a súa base e desenvolve as súas actividades. Temos un espazo de coliving en anceu.com e unha Casa Comunal casadopobo.com, recuperada como centro comunitario.
Entre os nosos proxectos destacados está o Do Action Hackathon, apoiado pola Fundación WordPress, onde persoas de toda Europa aprenden a usar WordPress e crean sitios web para proxectos rurais locais. Tamén presentaremos A Fuchiqueira, unha iniciativa onde nos reunimos mensualmente na praza do pobo con impresoras 3D, cortadoras láser e saberes tradicionais para fomentar o intercambio de habilidades, reducindo a fenda dixital e patrimonial na nosa aldea.
Por último, compartiremos o proxecto "Pegadas do Recordo", https://linktr.ee/pegadas.do.recordo que mestura elementos audiovisuais coas historias e tradicións esquecidas da aldea, asegurando que se manteñan vivas. Todos os vídeos están accesibles pola aldea a través de códigos NFC e QR, facilitando a conexión coa historia local.
Esta charla proporcionará unha visión completa de como a tecnoloxía e a creatividade poden revitalizar as comunidades rurais, destacando o papel crucial do open source para axudar a replicabilidade dos proxectos noutras aldeas.
Introductorio
Son Agustín, enxeñeiro de telecomunicacións e xestión con máis de 10 anos de experiencia no desenvolvemento de software, especializado en backend.
Ademais son cofundador de Rural Hackers, unha ONG que busca impactar positivamente nas áreas rurais, identificando e solucionando os desafíos destas comunidades para mellorar a súa calidade de vida a través de proxectos tecnolóxicos e artísticos.
Tamén, fundei Anceu Coliving en Galicia, un espazo de vivenda colaborativa que trata de reducir a brecha entre as comunidades urbanas e rurais.